luns, 30 de marzo de 2020

Hello! Cantamos cancións en inglés?

Good morning! How are you?

Hoxe toca clase de Inglés en Ed. Infantil e para iso imos a repasar e aprender as partes do corpo a través de cancións. Déixovos algúns videos que poñíamos en clase :)

Esta primeira é xenial como un primeiro acercamento ás partes do corpo para 3 anos pero os de 5 anos tamén a saben moi ben.




E aquí temos o éxito deste segundo trimestre, dos creadores de Baby Shark, Body bop bop ;)

Tedes dúas versións, unha máis sinxela que ten menos partes do corpo e outra un pouquiño máis longa.







E por último, Around the circle, para realizar en familia e repasar e aprender accións básicas, as partes do corpo e os números.




Espero que vos gusten e as desfrutedes!

Kisses :*

venres, 27 de marzo de 2020

Practicamos ritmos básicos!

Bos días, chicos! :)

Como vos dixen onte, hoxe toca clase de ritmo. 

Vouvos a deixar actividades de dificultade progresiva, así que comezamos polo básico e aquí podedes ver que sílabas imos utilizar para negra, dúas cocheas e branca. 





Forma parte do caderno de Lenguaje Musical - Ritmo - Música en el cole de Marina Tristán do cal vos deixo o enlace a slideshare, onde está o caderno completo, e recomendo para practicar  ditos ritmos, sobre todo para 1º e 2º curso. Os restantes cursos pódenlle botar un ollo para repasar estes ritmos tamén. 


Tamén vos deixo esta ficha que vos pode ser útil:






E diredes vós, e agora como toco todo isto? Pois ben, neste video tedes unha introdución a como teñen que soar. É unha actividade xenial para a concentración, practicar os ritmos básicos e manter o pulso. Recoméndoo para todos os cursos repetindo eses ritmos con palmas. Está en inglés pero xa sabedes que a  música non entende de idiomas ;)





Espero que vos pareza interesante e se tedes algunha dúbida, xa sabedes, preguntade o que necesitedes. 

Unha aperta xigante! :)

xoves, 26 de marzo de 2020

Lembrádesvos das figuras musicais?

Ola de novo!

Como non tivemos tempo para levar os libros para a casa, fixen unha ficha na que podedes ver as figuras musicais cos seus silencios correspondentes. Podedes descargala e practicar a escribir cada unha co seu silencio no oco correspondente.






Ademais, déixovos aquí unhas fichas para os máis pequenos (1º e 2º) nas que teñen que distinguir as diferentes figuras musicais.














Xa me ides contando se tedes algunha dúbida.

Mañá dedicarei unha entrada a poñer en práctica estas figuras con diferentes ritmos.

Biquiños!

HAKUNA MATATA!

Ola rapaces! Que tal?

Hoxe tráiovos unha canción que todos coñecedes: Hakuna Matata do Rei león. A parte A da canción é para 3º-4º curso e para que repasedes as posicións da frauta que xa sabedes: si, la, sol, mi. Déixovola aquí abaixo acompañada enriba dos acordes por se alguén na casa vos pode acompañar tocando. Se tedes outro instrumento na casa, como xilófono, carillón ou o instrumento que toquedes en escolas de música ou conservatorios, podédela tocar con el tamén.



OLLO! Recordade que para descargala con calidade tedes que clicar na imaxe, abrila e logo gardala; se a descargades sen abrir gardarédela en tamaño pequeno e verase mal.


Aquí a tedes completa, por se algún se atreve a tocala enteira e tamén para os cursos de 5º e 6º.





Podedes seguir este tutorial de Youtube para practicala :)







Aquí tedes a canción coa letra por se alguén se anima a cantala.






Escollín esta canción porque, aparte de que é xenial para practicar as notas que xa coñecedes coa frauta, creo que a mensaxe é adecuada para estes momentos. Espero que vos anime e vos alegre un pouquiño. Ah, e recordade: HAKUNA MATATA!



Apertas e bicos para todos!

luns, 23 de marzo de 2020

Cancións en Inglés para os peques de Ed. Infantil

Bos días!

Hoxe é o quenda dos meus pequenos de Educación Infantil cos que traballo a materia de Inglés. Como aprendemos moito por medio de cancións, deixo a continuación os enlaces a algunhas que traballamos en clase e lles poden servir de repaso. Tamén as poden utilizar os cursos de 1º e 2º para traballar Inglés e Música ao mesmo tempo ;)

Para repasar os saúdos déixovos as seguintes cancións que xa coñecen:










Esta canción, que lles encanta e saben tan ben, que fala das cores do arco da vella:





E a súa favorita, para mover un pouco as cadeiras e facer algo de exercicio, que repasa as partes do corpo:


Moito ánimo e apertas virtuais para todos!


mércores, 18 de marzo de 2020

Repasamos as notas musicais?

Ola! 

Hoxe dedico esta entrada aos máis pequenos, 1º e 2º de Primaria. 

Para repasar un pouquiño as notas musicais, aquí vos deixo a canción Do, Re, Mi de Miguel Ángel de la Ossa en galego, castelán e inglés. 






Tamén a tedes en Youtube en castelán e con pictogramas :)




Bicos para todos! 

luns, 16 de marzo de 2020

Poñemos música a esta corentena :)

Bos días!

Que tal van estes días na casiña? Para que vexades que non me esquezo de vós, escribinvos a canción que me levábades pedindo xa hai un tempo: Tusa. Como a letra xa sei que a sabedes moi ben, propóñovos outra para practicar ;) É unha versión que fixo Marina Demer moi axeitada para esta corentena e podédela escoitar no seu perfil de Facebook.

https://www.facebook.com/marinadamersings/videos/1484968485003227/

Déixovos a partitura para frauta (recomendable para 5º e 6º, aínda que o retrouso o poden tocar a partir de 3º) e a letra de Marina Demer. Engadín os acordes sobre a melodía por se alguén na familia se anima a acompañar coa guitarra!






Tamén podedes ver tutorial para frauta para que vos sexa máis fácil.



Espero que a desfrutes e xa me ides contando se vos gusta  :)

Unha aperta grande!

A profe Elsa